


Aproveitando que en breve estarei en Cuba pois tirei dalgún fío e vou aproveitar a estancia para dar unha pequena charla e recital poético no Antigo Pazo do Centro Galego da Habana. Neste caso a charla será para a Federación de Sociedades Gallegas de Cuba, ainda que posiblemente poida repetir a experiencia uns días despois para a Sociedade da Coruña en La Habana. A verdade é que me fai moita ilusión poder combinar o turismo afectivo co turismo literario ou cultural.
De feito incluso tiña pensado algunha posta en escena na que colaborará Raisa para darlle un aire ameno e distendido. Si de algo quero fuxir é dos recitais nos que os da última fila están a mirar o reloxo para ver cando acaba o suplicio. Parece ser que o interese está garantido pois Raisa se encargará de encher o vello salón coa presenza das súas amigas.
En fin que si algún/ha está pola Habana neses días e si pode aproveitar que me veña facer unha visita. Será o sábado 18, ás dez da mañá no Salón do Antigo Pazo do Centro Galego da Habana. E nese mesmo día seguramente teña sesión doble, pois no Centro Andaluz da Habana, tamén se amosaron interesados en contar conmigo. Será unha noite de flamenco e poesía a partir das 22:30 en Paseo do Pardo, terei que botar man dun repertorio suxerente, simpático e atrevido para enganchar a un público que seguramente teña máis ganas de bailar e dar palmas que de escoitar poesía. O meu coctel sorpresa incluirá unha mestura de anécdotas, charliñas sinxelas, poemas e quizais algo máis, a ver si así captamos a súa atención.